Thursday 09 de May de 2024

Volve o “Novembro, mes do humor” ao Museo do Humor de Fene


Duarte Galván, Marita Martínez e Avelino González serán os protagonistas dunha nova edición do ciclo de monólogos que a Concellería de Cultura de Fene organiza para conmemorar o aniversario do Museo do Humor (inaugurado o 24 de novembro de 1984). O “Novembro, mes do humor” botará a andar o venres 5 de novembro con Duarte Galbán e o espectáculo “Vello aos vinte e pico”. O día 12 actuará Marita Martínez e o 19 de novembro pechará o ciclo con Avelino González.

Todas as función serán ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada balde pero con aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.

Coincidindo co acto de entrega dos Premios Curuxa 2021, o venres 5 de novembro comezará o “Novembro, mes do humor” no Museo do Humor de Fene. A primeira función, que leva por título “Vello aos vinte e pico”, correrá a cargo do presentador, cómico e actor Duarte Galbán. Neste espectáculo, o artista conta “como é a súa visión da vida, sentíndose unha persoa maior con tan só vinte e pico anos… Ben seguro non deixará indiferente a ninguén, cunha visión moi fresca e gamberra da nosa cultura galega. Un verdadeiro todoterreno sobre o escenario! A sorrir!”

O ciclo continuará o venres 12 de novembro con Marita Martínez sobre o escenario da Casa da Cultura de Fene presentando “Quéroche un conto”. Segundo Marita Martínez, o título fai referencia “a unha expresión que tiña a miña avoa para dicir que todo tiña o seu aquel, e soia dicila xusto antes de arrincarse a contar como cambiaran as cousas desde os seus tempos. Das súas anécdotas e doutras de familia propia e allea vai este conto. De como eran os amores e as regueifas, das festas e dos perigos do pasodobre, dos alcumes e a retranca, das peculiaridades do noso carácter que tanto cambiaron… ou non… En definitiva, das cousas de antes e das cousas de agora”.

A derradeira función do “Novembro, mes do humor” será o venres 19 de novembro con Avelino González e o seu espectáculo “Contos que foron chistes”.  Porque “moitos chistes cos que hoxe rimos son unha adaptación de contos vellos. De curas, ricos, políticos… que hoxe mudaron as formas pero non os contidos nin o fondo: RIR. Nomeadamente de quen manda”.

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.